O sector da minería en Europa avanzou ata alcanzar a excelencia en canto á súa responsabilidade co territorio, garantindo a compatibilidade das explotacións mineiras co resto de actividades produtivas, coa preservación ambiental da contorna e a restauración e reintegración das áreas operativas á paisaxe natural.
O sector mineiro evolucionou drasticamente nos últimos vinte anos: hoxe existen técnicas e tecnoloxías que permiten eliminar os impactos que a minería tradicional orixinaba sobre o territorio onde se desenvolvía. Tanto os métodos operativos como os medios de control de impactos permiten garantir un desempeño excelente en materia ambiental.
Na elaboración dun proxecto mineiro, a súa tramitación administrativa, construción, posta en marcha, operación e clausura, interveñen centos de profesionais, moitos deles saídos das universidades galegas, que poñen o seu bo facer, criterio, e ética profesional no que fan. A minería do século XXI desenvólvese nun marco normativo estrito e moi garantido, e os procesos de aprobación son transparentes e participativos. Cando a mina está en marcha, os controis de seguridade e de prevención de impactos ambientais son constantes e implican a moitas partes. Así mesmo todas as actuacións incluíndo a restauración, están garantidas. Este marco de traballo é sinónimo de excelencia operativa, social e ambiental na necesaria extracción de recursos naturais.
> Poñer en valor os recursos naturais é unha cuestión de responsabilidade. De feito para a Unión Europea, os metais son esenciais non só para a vida das persoas senón para o futuro da industria e o emprego.
> Así o reflicte o Ditame do Consello Económico e Social Europeo sobre minería non enerxética en Europa (2009/C 27/19), que indicaba que o 70% da industria europea depende das substancias minerais, sendo imprescindible o desenvolvemento dunha política industrial que garanta o abastecemento destas substancias, mediante o fomento dunha minería responsable e excelente no ambiental e social.