Unha inversión inicial de máis de 200 millóns de euros
O Proxecto Touro é perfectamente compatible con outros sectores produtivos da súa contorna e prevé un investimento inicial de máis de 200 millóns de euros, o que supoñería un impacto sobre o tecido produtivo de Galicia de 91,2 millóns de euros.
Esta cifra equivale ao 0,16% do PIB de Galicia en 2015. Con este proxecto Galicia vai dispoñer das últimas tecnoloxías na industria mineira potenciándose a formación de técnicos especialistas, e a aplicación de programas de I+D+i. Todo isto supón un forte valor engadido e situará á comunidade como unha rexión de referencia para o sector da minería.
Ata o 80% do investimento é local ou rexional, exceptuando equipamento moi especializado que hai que importar. Inclúe as fases de exploración, deseño de proxecto, permisos e construción da planta de beneficio de mineral, ademais das instalacións e infraestruturas asociadas. Gran parte deste investimento levarase a cabo nos 18 primeiros meses unha vez outorgados todos os permisos.
A estas cifras de investimento hai que sumar os custos operativos, da orde duns 100 millóns de euros anuais durante 14 anos, que quedarán maioritariamente na comunidade galega e a nivel local.
Un dos beneficios indirectos máis importantes a nivel económico será o aumento de tráfico nos portos próximos, xa que se estima que se realizarán exportacións de aproximadamente 100.000 toneladas de concentrado de cobre ao ano.
A empresa investiu xa case 5 millóns de euros nos últimos dous anos, destinados a realizar sondaxes, estudos, enxeñería e preparación do proxecto.