Cobre San Rafael, promotora da reactivación da produción de cobre na histórica mina de Touro e O Pino, despois do período de alegacións e solicitude de informes, recibiu as alegacións presentadas ao seu proxecto por persoas e colectivos interesados. Entre estas destacan as máis de 1.163 alegacións positivas de apoio ao Proxecto Touro, presentadas por centos de particulares, así como algunhas entidades, asociacións e corporacións.
Así mesmo, Cobre San Rafael recibiu a maior parte dos informes sectoriais emitidos polos distintos organismos da administración que participan no proceso de autorización do proxecto de explotación.
Tras unha primeira análise da documentación, a compañía quere en primeiro lugar agradecer o esforzo e a realización dunha análise integral rigorosa que permitirá mellorar a proposta, tarefa na que, desde este momento, a empresa está inmersa. Os informes sectoriais definen os parámetros do proxecto que necesitan máis detalle ou requiren modificacións. Tras unha primeira valoración, Cobre San Rafael ten plena confianza en que se poden establecer as medidas de execución e control que satisfagan as fortes esixencias da administración reflectidas nos mesmos.
A empresa acometerá esta tarefa contando coa gran experiencia do seu equipo técnico e o concurso de consultores especializados, entre eles empresas e universidades galegas. Con isto demostrará que en Galicia se pode facer minería moderna cos máis altos estándares de calidade e respecto pola contorna, como se expón no Proxecto Touro.
Por todo iso Cobre San Rafael mantén o seu compromiso co desenvolvemento do Proxecto Touro, e agradece o esforzo a todos os que participaron no proceso de información pública. Isto vén marcar o camiño polo cal ten que discorrer un proxecto que aplica a excelencia e as mellores prácticas da minería moderna.
O proxecto exposto por Cobre San Rafael é un exemplo real de minería moderna e sostible, con vertidos cero e mínimo impacto ambiental. O uso de minería de transferencia e de probadas técnicas de restauración paralela á explotación, ofrecen unha oportunidade real de mellora das condicións actuais do emprazamento.
Por iso, Cobre San Rafael desmente categoricamente as constantes ameazas catastrofistas de incompatibilidade con outros sectores porque non son certas nin lóxicas. Como ocorre con calquera industria, as leis non permiten unha operación mineira sen as máximas garantías. Ademais, a Administración conta cos medios de control para que así sexa.
Pero o proxecto de Cobre San Rafael vai máis aló de cumprir, por suposto, coa lexislación sectorial e xeral. O evidente crecemento da enerxía verde, do que o cobre forma parte esencial, ofrece a Galicia a oportunidade de participar activamente na creación dunha industria moderna cun importante desenvolvemento en termos económicos, sociais e de emprego.